Culturgal, a Feira das Industrias Culturais, é un evento único, de periodicidade anual, que congrega aos distintos gremios da cultura: libro, creación audiovisual, artes escénicas, música, deseño, internet e novas tecnoloxías...
Articúlase como un espazo permeable, coas portas e ventás abertas para o diálogo directo entre a cultura e a sociedade, que conxuga o encontro profesional coa presentación, promoción e venda aberta ao público de produtos e servizos. Propón á vez un lugar de encontro dos axentes do sector, para favorecer e promover a colaboración e o apoio mutuo entre profesionais, e un lugar de exhibición cunha programación de actividades variadas dirixidas a públicos diversos.
A partir de 2010 ponse á fronte do Culturgal unha asociación da que se responsabiliza directamente a industria cultural, garantindo así a continuidade da feira e o asentamento dunhas liñas de traballo sólidas.
Forman parte da Asociación Culturgal: a Asociación Galega de Editores (AGE), a Asociación Galega de Empresas de Artes Escénicas (Escena Galega), a Asociación Galega de Empresas Musicais (AGEM), a Asociación Galega de Produtoras Fonográficas (Agaphono), a Asociación de Empresas Galegas adicadas a Internet e ás Novas Tecnoloxías (Eganet) e a Asociación Galega de Produtoras Independentes (Agapi).