A Xunta aparece definida no Estatuto de Autonomía, aprobado en 1981, como órgano colexiado do Goberno de Galicia. Na actualidade, a Xunta está composta polo presidente e dez conselleiros. A comunidade exerce as súas funcións administrativas a través da Xunta e dos seus entes e órganos dependentes.
Correspóndelle á Xunta aprobar os regulamentos xerais dos seus propios tributos e elaborar as normas regulamentarias precisas para xestionar os impostos estatais cedidos de acordo cos termos desta cesión e a elaboración e aplicación do orzamento da Comunidade Autónoma de Galicia, que deben ser examinados polo Parlamento.
A Xunta tamén se encarga de coordinar a actividade das Deputacións Provinciais do seu territorio naquelo que afecte dun xeito directo ao interese xeral de Galicia, e para iso unirá os orzamentos que elas elaboren de seu. Así mesmo, poderá encomendar a execución dos seus acordos ás devanditas deputacións, que serán as encargadas de levar a cabo as funcións transferidas polo Executivo autonómico.